Felicidade


¡Qué alegría cuando me dijeron «vamos a la casa del Señor»!
Ya están pisando nuestros pies tus umbrales, Jerusalén.

Sonvos finitas as veces que teño acudido a Balaídos, sen dúbida. Finitas pero innumerables e en todas elas non podo —nin quero— evitar sentir a mesma sensación. É máis, mesmo diría que co paso dos anos esas impresións se van acentuando e iso que aínda estou lonxe de pensar que se cadra, poida ser esta de hoxe é a miña derradeira vez.

Con esta simpleza privilexiada e inocente que me dá o ter un cromosoma Y, nada máis franquear o acceso dos vomitorios —antano arrancábanme un cuponciño microperforado da miña libretiña-carnet de abonado de Río Baixo, hogano paso a tarxeta de plástico polo lector láser—, sorpréndome a min mesmo sorrindo excitado, cos ollos brillantes e o pulso acelerado como na miña primeira vez coa anticipación da emoción que xa se barruntaba na opresión e mais no formighillo no ventre dende algunha hora antes.


Levanto a mirada, vexo os primeiros banzos de escaleiras que se estenden diante de min e apreto o paso con ansia e avidez, case con cobiza, como se me fose escapar a butaca e con ela se esvaese a ledicia.


E a cada tramo de chanzos que coroo —cada ano que pasa con máis fatiga—, quedo abraiado e pampo, coa boca aberta, ao albiscar as primeiras tonalidades verdes do noso prado como se nunca antes, xamais, as tivese visto.


A luz e as cores impresionan a retina provocando que a memoria se encha de sensacións e pegadas doutros tempos: tantas derrotas e algunha que outra bágoa, o cheiro a cigarro puro, imaxes de copas de coñac cun circuliño vermello moi finiño impreso no vidro para sinalar ao camareiro da cantina a medida que debía servir, o boletín informativo que se repartía á entrada, os coxíns da Cruz Vermella, as enchentes do Lagares, os anuncios de Angoares pub ou a sintonía de ¿Quién es La Pitusa?, o marcador simultáneo Dardo, tantas caras de seareiros veciños de bancada, as botas Patrick de Del Cura, as luvas Uhlsport de Maté e maila calva de Capó, os primeiros balóns Tango na segunda metade da década dos 70, os penaltis de Fenoy, o número nove nas costas de Doblas, o trote e a mandíbula potente de Suso Santomé, as pernas tortas de Culafic ou as moi elegantes de Zoran Maric, a clase de Ademir, o tesón de Goran Juric, a potencia do meu admirado Gudelj ou a fidalguía de Vicente Álvarez...

Levanto a mirada, vexo os primeiros chanzos de escaleiras que se estenden diante de min... e iso é a felicidade.

Así es... ¡o sí!

P.S. A reforma das bancadas e cubertas era máis que necesaria e non cabe dúbida de que chega tarde, moi tarde, pero, cando estea rematado todo o perímetro, canto imos estrañar ese perfil en dentes de serra tan característico do noso voladizo! 😢

P.S. 2 Este texto foi pensado como celebración do 88 aniversario do estadio de Balaídos, que se inaugurou o 30 de decembro de 1928.















Comentarios

Entradas populares de este blog

El suicidio de Evelyn McHale

Oro en cretinismo periodístico