93 añitos, 93 añazos



Nada podo engadir neste día, 23 de agosto, ao xa dito en anos anteriores. Só podo seguir celebrando a ledicia de que, por pueril e descerebrado que a algúns lles poida parecer —e que seguramente será—, exista algo que me preocupe, me faga sufrir e ao mesmo tempo me emocione, encha e satisfaga tanto.

Resúltame intrascendente se a de hoxe é a data exacta do noso aniversario e antóllanseme maniños os debates sobre ela. Tal como no dito se non è vero, è ben trovato, quedou institucionalizado por historia e tradición este día como o do noso nacemento, ao menos entre a maioría da masa social, e a estas alturas xa non paga a pena remexer no asunto.

A meirande parte do meu servizo militar, alá por 1993, paseina na capitanía ubicada no Palacio Real de Valladolid. Alí, onda o claustro do palacio, hai gravado nunha lápida de mármore un poema melindroso, relambido, cargante e patrioteiro —nacionalista, vamos; obra, segundo parece, de José Luis Santiago de Merás—, co que moito nos deron a roncha na mili e que remata dicindo «y cuando todos te falten, estará contigo España». Non terei buscado ben, porque no meu case medio século de vida aínda non me dei atopado con esa España da que fala o poema; sen embargo, si che podo asegurar, lector celtista, que, como abundantes veces me ten pasado a min, «e cando todos te falten, estará contigo... o Celta»

Así es... ¡o sí!


Comentarios

Publicar un comentario en la entrada

Entradas populares de este blog

El suicidio de Evelyn McHale

Oro en cretinismo periodístico

Felicidade