Mi primera vez (XXV), por David Penela

25 edicións xa de Mi primera vez, e hoxe temos a gran honra de contar coa participación dun celtista sinalado e ben coñecido por todos, David Penela (@DavidPenela en Twitter). Ao igual que Mª Rita Gayoso a semana pasada, David tamén elixiu o galego para reflectir a súa primeira vez porque, como con moita razón el mesmo afirma, sempre sentín que o noso idioma invita a que as cousas teñan máis carga emotiva. Déixovos xa con David e mais coas súas primeiras lembranzas celestes.


Nacín en Vigo, máis concretamente na avenida de Fragoso, a escasos metros de Balaídos, o 22 de abril de 1981. Abonado do Celta nº 2.118, algúns tedes a mala sorte de aturarme en MoiCeleste.com, outros nas foliadas de ElFutbolEsCeleste.com e os máis duros sufrídesme na peña Comando Celta. En resumo, un celtista máis.


Non veño dunha familia desas que presumen de ser vigueses de sexta xeración. Todo o contrario, emigrantes de interior que colleron os seus enseres nunha aldea de A Estrada para se vir a Vigo, como tantos outros. Por iso ademais de presumir de vigués, teño un pequeno anaco de estradense. Como consecuencia somos na casa máis celtistas de adopción ca de berce. Para máis colmo, o meu avó non é nada futbolero, polo que meu pai e mais seus irmáns tiñan ben complicado acudir a Balaídos. Por sorte un familiar comezou a levalos á grada de Gol. O tempo e as voltas que dá a vida levou só a un dos meus tíos a continuar como socio, o de abonado chegaría anos despois, do Celta e da grada de Río Alto.

Sirva esta pequena introdución para vos poñer en antecedentes da miña primeira vez. Comezaba a temporada 88/89 coa disputa do Cidade de Vigo o 20 de agosto. O Celta gañaba o Botafogo nun sábado caloroso de verán. Alvelo, o canteirán estrela daquel equipo en primeira, iría logo celebra-la vitoria ata Sanxenxo. O coche no que viaxaba de volta a Vigo esnafrouse na saída da AP-9 da rúa Buenos Aires, deixando ao xogador nunha cadeira de rodas para o resto da súa vida.

Nunha temporada que ademais traería o asasinato do xerente Quinocho nun roubo nas oficinas do club en Balaídos, o accidente de Alvelo supuxo un golpe moi forte na moral do celtismo. Para axudar na nova vida do xogador, o 28 de decembro organizouse no coliseo vigués un amigable en beneficio do futbolista cunha selección dos mellores xogadores españois fronte ao Celta. Parte da miña familia estradense veu naquel Nadal ata Vigo a ver a toda unha constelación de estrelas contra os celestes: Zubizarreta, Martín Vázquez, Larrañaga, Roberto, Julio Salinas, Jiménez, Butragueño ou Manolo.

Foi unha oportunidade perfecta para que aquel pequeno de sete anos subira as escaleiras de Balaídos por primeira vez. Noite xélida, de inverno, con aquelas altas torres de luz acesas que vía tódolos días cando ía ao colexio. Cando chegas á túa butaca, no meu caso aquel día en Marcador, no teu estreo todo te sorprende, creo que a sensación é a mesma en todos os que antes ca min escribiron aquí. O Celta perdía 1-2 ante a selección, marcando Amarildo de penalti nos celestes e Roberto e Martín Vázquez nos vermellos. Recadáronse preto de 60 millóns das antigas pesetas e ademais o Concello de Vigo agasallou a Alvelo cun terreo e un préstamo hipotecario para poder facer unha casa preparada á súa nova situación.

Pasou moito tempo ata a seguinte vez. A miña afección polo fútbol e, como consecuencia lóxica, polo Celta, foron crecendo. Entón aquel tío meu do principio ofreceuse para me levar sempre que quixera a Balaídos. Como a “Foliada do Celta”, xa sabedes, a do “Díxolle ao sobriño o tío..”, era o final da temporada 90/91 e Txetxu Rojo acababa de coller o equipo. Grazas a que daquela os menores de dez anos entraban gratis, comecei a ir moi a miúdo, aínda que me custaba aguantar quedo no asento e moitas segundas partes ía a parte traseira da grada xogar ao fútbol cunha lata. E xa na seguinte temporada, a do ascenso cos goles de Gudelj, non perdín ningún partido. Eran tempos nos que che entregaban o “boletín” ao entrar no estadio, de cervexa á venda nas cantinas e os marcadores aínda non chegaran á categoría de “última xeración”.

O verano do 92, xa en Primeira, ao pasar o límite de idade para ir de balde meu tío fíxome socio de Río Alto (había que imitar a Foliada do Celta ata o fin). E ata hoxe, vinte temporadas despois. Aínda que cun pequeno gran cambio. Agora sufro e alédome co meu Celta dende Marcador. A bancada da miña primeira vez, a homenaxe a Alvelo.

Así es... o no...

Ediciones anteriores:
09-11-2012 - Anónimo
16-11-2012 - Por un servidor
23-11-2012 - Jose Montero
30-11-2012 - Santiago Pastoriza
07-12-2012 - Totó Sanjurjo
14-12-2012 - Pablo Castelo
21-12-2012 - Santiago de Prado
28-12-2012 - @ElColla
04-01-2013 - Rosa Mª Vázquez
11-01-2013 - Víctor Tilve
18-01-2013 - Juan Gayoso
25-01-2013 - M.J. Saborido
01-02-2013 - Socio nº 112
08-02-2013 - Marcial Varela
15-02-2013 - Juan C. Rguez. Llanos
22-02-2013 - Jorge Paz
01-03-2013 - Berto Villamarín
08-03-2013 - Nano Ameneiro
15-03-2013 - Mauro Picatoste
22-03-2013 - Marta Grande Boullosa
29-03-2013 - José Manuel Pintos
05-04-2013 - Jorge Tizón
12-04-2013 - Alberto Fernández García
19-04-2013 - Mª Rita Gayoso Galiñanes

Comentarios

Entradas populares de este blog

El suicidio de Evelyn McHale

Oro en cretinismo periodístico

Felicidade