(Reedición) Keep Calm

El siguiente artículo fue publicado originalmente en Noticias Celta el pasado miércoles 6 de febrero de 2013.





Baixan revoltas as augas do celtismo trala derrota en Pamplona e parece que as urxencias comezan a consumir a certos sectores da afección e, o que máis me sorprende persoalmente, a determinados profesionais da prensa.

Xa vou tendo unha idade e, xa que logo, certa experiencia nos avatares e infortunios célticos, e moi lamentablemente teño que dicir que o que está a acontecer esta temporada xa o vivín varias veces noutras décadas: principiabamos a liga con bo xogo, con azos e folgos abondos e, como Narcisos ante un estanque cristalino, estabamos encantados de nos coñecer… pero os resultados non daban chegado. Non importa, diciámonos esperanzados, estamos xogando ben, de feito somos dos equipos que mellor xogo fan na liga, os bos resultados non poden tardar…

Pouco a pouco a desconfianza e a inquedanza medraban entre os seguidores e dun xeito que poderiamos dar en denominar democrático a merma da fe ía transmitíndose de abaixo cara arriba, desde a bancada ata o verde e chegaba ao plantel de xogadores. Ían minguando os berros de ánimo que se vían substituidos por murmurios, en ocasións mesmo por asubíos e apupos… e coa falta de confianza chegaban as présas, as urxencias, os medos e, como consecuencia, o mal xogo. O balón queimaba nos pés, ninguén arriscaba nin tentaba nada creativo por medo ao erro que provocase o afundimento total.

Ata aquí a descrición das vivencias do pasado, pero como a capacidade de nos trabucar é virtualmente infinda tal parece que non damos aprendido das experiencias e repetimos e teimamos nos erros. O que quero propugnar, unha vez máis, é que manteñamos a calma, mesmo a frialdade, que a negatividade e as présas non nos han levar a ningures, e que apoiemos totalmente ao equipo e, sobre todo, ao noso adestrador actual, Paco Herrera, quen é ben merecedor, na miña opinión, dun rotundo voto de confianza.

Comprendo as críticas ao adestrador, é normal que cada un exprese o seu parecer, faltaría máis, e que se comenten o que os afeccionados consideran erros e alternativas, pero de verdade que á vista da nosa economía e máis da nosa historia non dou entendido como alguén —e moito menos, insisto, profesionais da prensa—pode pedir a estas alturas a destitución de Paco Herrera. De verdade cre alguén que iso lle ía facer ben algún ao equipo? En verdade se pensa que ía chegar alguén mellor? Que iso sería unha solución cabal?

Insisto en botar unha ollada á historia: non teño estatísticas nin datos concretos a man nestes intres, pero non lembro ocasión ningunha en 1ª división na que o noso Celta fixera un troco de adestrador e iso o salvase do descenso… Se alguén sabe dun caso, que por favor mo faga saber e me dea esperanzas. Pode que esa medida lles funcione a outros equipos (como ao Espanyol esta temporada ou ao Zaragoza a pasada), pero a nós eses trocos non nos funcionaron nunca. Lembrades a unha rata covarde que abandonou a nave ás primeiras de cambio, un tal Radomir? E a un tal Hristo que como adestrador non empatara (nin desde entou empatou) con ninguén? Eu ata lembro a un tal García Traid e a outro chamado Delfín Álvarez… que non supuxeron solución ningunha, só unha merma para as nosas minguadas arcas.

Somos quen somos. Temos o plantel que temos e o adestrador é o que hai. Poderanvos gustar máis ou menos, pero son os nosos, os da nosa familia. É o momento, agora máis que nunca, de defendelos, de apoialos e de sermos positivos… só nos estariamos a defender a nós mesmos. Como moi acertadamente reza a imaxe de P. Varela que circula polas redes sociais e que ilustra este artigo… ¿Nos han marcado un gol? Keep Calm y sigue animando.

Ala Celta!!

Comentarios

Entradas populares de este blog

El suicidio de Evelyn McHale

Oro en cretinismo periodístico

Felicidade