De cando a Académica de Coímbra entrou na historia, por Santiago Pastoriza


Reproduzco a continuación el magnífico artículo de Santiago Pastoriza (@Pas_toriza en Twitter) que se publicó en Noticias Celta el miércoles 18 de julio de 2012 para que tan brillante texto no caiga en el olvido y porque a la luz de los recientes acontecimientos vividos por el celtismo con la contratación de Abel Resino, como muy bien dice el propio Pastoriza, Quen di que o fútbol non debe misturarse coa política faría ben en coñecer historias coma esta. Que lo disfrutéis tanto como lo disfruto yo cada vez que lo leo.

De cando a Académica de Coímbra entrou na historia



A un mes do inicio da competición ligueira, o Celta afronta o primeiro exame futbolístico da nova tempada. Hoxe en Quiaios, os celestes xogarán ás 18:30 un partido contra a Académica de Coímbra. O ano da volta á Primeira División, o Celta comeza o calendario de amistosos ante un rival que é todo un histórico lusitano, ademais de vixente campeón da Taça de Portugal.

A primeira vista, a Académica non ten o palmarés e o renome do Benfica, o Oporto ou o Sporting. Sen embargo é unha entidade moi respectada no país veciño, no que conta cunha importante cantidade de simpatizantes repartidos por todo o Estado. "A Briosa", como tamén é coñecida, está considerado coma un símbolo do "Futebol". Fundado en 1887, é o club máis antigo dos que militan na competición profesional portuguesa. O equipo non se entende sen a universidade da cidade á que estivo fortemente unido. Houbo alumnos da mesma no once inicial dos académicos ata a década dos 70. Se queremos buscar un equivalente en España, habería que cambiar de deporte e situarse no Estudiantes de Baloncesto. Aínda así, os do Ramiro de Maeztu non contan cun feito similar na súa historia ao que viviu o Académica no ano 1969.

Daquela, Portugal vivía a ditadura do "Estado Novo". Salazar fora apartado do poder un ano antes polo seu estado de saúde, mais o réxime continuaba coas mesmas liñas mestras da man do seu continuador, Marcelo Caetano. A economía seguía refuxiándose nunha asfixiante autarquía e a sanguenta Guerra Colonial xeraba cada vez máis descontento nos cidadáns. Un ano despois do levantamento parisino, os estudantes da principal institución universitaria de Portugal, os de Coímbra, tamén viviron o seu particular maio revolucionario.

As protestas no campus eran notorias. Na inauguración do novo edificio de matemáticas, o ministro de educación e outras autoridades comprobaron o clima axitado das aulas con pancartas de lemas explícitos: "Ensino para todos" ou "Estudantes no goberno da Universidade". Nun abarrotado e tenso acto institucional, pediu a palabra o representante dos estudantes. Esta foille negada e as autoridades remataron a cerimonia escapando precipitadamente daquel rebumbio. Pouco despois o ministerio decidía suspender as clases.

Os estudantes non quedaron calados nos días seguintes e fixeron actos simbólicos coma a solta de globos con mensaxes, reparto de flores, e concertos de cantautores comprometidos. Outra das medidas de protesta foi proclamar o "loito académico" en toda a Universidade: os estudantes suspenderon a tradicional festa da queima das fitas (a festa universitaria por excelencia en Portugal) e declaráronse en folga ante os inminentes exames de xuño.

Neste punto da narración, entra de novo o fútbol. Xusto neses anos, a Académica de Coímbra vivía momentos de esplendor. Entre os seus futbolistas destacaba especialmente Artur Jorge (despois sería coñecido internacionalmente na súa faceta de adestrador) que era alumno de filoloxía. En plena crise estudantil, o equipo afrontaba as semifinais da Taça de Portugal contra o Sporting. No partido de volta en Coímbra (a ida rematara con 1-2 a favor dos académicos) os xogadores saíron ao campo vestidos de branco, en vez da indumentaria escura habitual, para resaltar os brazaletes negros que levaban en solidariedade co loito académico. Nas gradas amosáronse pancartas contestatarias en defensa da democratización. O remate do partido, o resultado de 1-0 trouxo o delirio ás ateigadas gradas: o equipo estaba na final.



Esa final sería contra o equipo "protexido"do Salazarismo, algo así como o Real Madrid que asoballaba na España de Franco: o Benfica. O goberno temía que o ámbito futbolístico fose aproveitado coma manobra de axitación para derrubar o réxime. Por primeira vez o encontro final do torneo non foi retransmitido pola televisión nacional dende que comezaran as súas emisións dos partidos. Decidiron tamén que ningunha autoridade fixese acto de presenza no palco. E obrigaron ao equipo dos estudantes a vestir co uniforme negro habitual para que non fose patente o loito.

A Académica de Coímbra tíñao todo en contra para poder conseguir a vitoria. A súa estrela, Artur Jorge, era baixa por ter que prestar o servizo militar. O adestrador estaba sancionado. Nas gradas do estadio Jamor, sede habitual das finais da Taça, íanse infiltrar centos de axentes de paisano. Pero estudantes e xogadores decidiron facer da final un acto de protesta emotivo e solemne. A xove e numerosa afección de Coímbra desprazouse en tren ata Lisboa e xa na estación de Santa Apolonia, fixeron unha pequena (por duración) manifestación de protesta.

O xa daquela vello estadio Jamor (hoxe non cambiou moito pero as finais de copa seguen xogándose alí) estaba a rebentar de xente, en contraste coa baleira tribuna de autoridades. 35000 pasquíns contra o goberno foron repartidos nos arredores do recinto e os propios afeccionados do Benfica, decidiron en gran parte unirse á causa estudantil. Os xogadores da Académica saíron ao campo engalanados coa tradicional capa universitaria. Ese foi o seu enxeñoso xesto de mostrar o loito xa que levar a capa e medio aberta, coma fixeron na presentación, é un signo fúnebre.

Por parte das bancadas, as reivindicacións fixéronse visibles mediante centos efémeros cartaces que reclamaban: "mellor ensino, menos policía" ou "universidade libre". Efémeros porque os amosaban de xeito coordinado durante uns segundos, e de seguido os escondían e cambiaban de lugar para que a policía infiltrada non puidese facer nada.

O partido viviu unha comuñón única entre afección, xogadores e xornada reivindicativa. O empate a ceros co que ameazaba con finalizar o encontro era o síntoma da tensión e responsabilidade do acontecemento. O éxtase chegou cando a Académica logrou adiantarse a falta de nove minutos do final. Todos os simpatizantes da oposición ao réxime choraban coa emoción tan preta de acadar ese título. Os propios xogadores benfiquistas recoñecerían despois que esa sería a súa derrota máis doce. Mais catro minutos despois os lisboetas lograban empatar. Prórroga.

Os académicos pagaron o esforzo de tratar de dobregar a un rival superior física e técnicamente durante noventa minutos. Estaban desfondados e o Benfica lograría o definitivo 1-2 no tempo extra por medio da maior estrela do fútbol lusitano, a pantera negra Eusebio. O Académica de Coímbra perdeu esa final, pero toda a corrente polo cambio aireada no partido serviría para que o ministro de educación fose substituído uns meses despois e contribuíu decisivamente ao clima de desencanto xeneralizado que lograría derrubar a ditadura, finalmente, un 25 de Abril de 1974.

Así es... o no...

Comentarios

Entradas populares de este blog

El suicidio de Evelyn McHale

Oro en cretinismo periodístico

Felicidade